Thursday 15 March 2007

,....PROCLAMACIÓN DA "NACIÓN MUNDIAL GALEGA"

Asociación Cultural Fillos de Galicia, dando cumprimento do aprobado na VI Asemblea Xeral dos seus socios, proclama que:

OS GALEGOS CONSTITUIMOS UNHA NACIÓN MUNDIAL

Galiza e os galegos

Recoñecemos e amamos a Galiza como terra de orixe dos galegos, orixe do noso pobo, da nosa lingua, da nosa cultura; porén, o territorio da Nación Galega non se limita a Galiza senón que é o Mundo, porque onde queira que habite un galego ou unha galega, existe a nosa Nación. "Galiza somos nós! A xente a e maila fala. Se buscas a Galiza, en ti tes que atopala!" (Manuel María)

Con "galegos" non queremos dicir os nados en Galiza, aos que denominamos "galicianos" ou os residentes na Comunidade Autónoma de Galiza, senón que "galegos" somos os que por orixe e sentimento así nos auto-identificamos, o que inclúe por igual a un galegofalante residente no Bierzo, cá unha neta de galegos nada en Bos Aires, cá un galiciano emigrado a Canarias.

Definición da Nación Mundial Galega

A Nación Mundial Galega é o conxunto de persoas que compartimos a mesma orixe étnica e o mesmo sentimento de sermos galegos, e que temos o mesmo idioma, o mesmo conxunto de tradicións e a mesma cultura, con independencia de onde naceramos, onde residamos, ou que documentos de identidade teñamos. O grao de conservación deses rasgos (orixe étnica, idioma, cultura) e o recoñecemento oficial da nosa "galeguidade" son diversos na nosa Nación, pero o factor común fundamental desta Nación nosa é o sentimento de pertenza ao mesmo Pobo Galego. Galego ou galega é, polo tanto e sobre calquera outra condición, quen o quere ser.

A bandeira da Nación Mundial Galega




Nela representamos o carácter dual da Nación: a banda azul tradicional galega que representa a parte da Nación que vive en Galiza e a outra, que se cruza e une coa primeira nun único corpo dunha mesma cor, representa aos galegos de fóra de Galiza. As beiras negras representan a dor, o trauma histórico nacional e persoal que deu orixe á nosa dualidade: o feito histórico da Emigración.

Esta bandeira non quere substituir á bandeira que levamos no peito, a bandeira de Galiza, que é a bandeira da nosa Terra, senón que xorde como complemento e ampliación dela, como símbolo preciso da 5ª provincia (ou 8ª, historicamente) que ten a particularidade de abranguer ás demais provincias, ao país enteiro, e sumarlle o Mundo todo, todos os países onde habite un galego de orixe ou sentimento. Outros pobos teñen bandeiras que representan á súa diáspora asentada en territorios estranxeiros, as cales non renegan da bandeira de orixe e a rememoran e complementan. E esta nova bandeira quere cumprir esa función para todos os galegos onde queira que naceran ou vivan.

A bandeira tradicional galega representa a Terra de orixe da nosa Nación, pero non todos os galegos que constituimos esta Nación temos residencia nesa Terra. E por tanto consideramos preciso crearmos este novo símbolo, o cal arelamos que todos os galegos, de dentro e fóra de Galiza, naturais de Galiza ou descendentes en calquera grao, asuman como un símbolo de unión, de igualdade entre todos os galegos, sen distinción administrativa algunha, e que nela recoñezan esta Nación Mundial que quere ser recoñecida, protexida e respectada no seu dereito a existir e a pervivir na Historia como feito singular social e cultural, que non ten comparanza agás cuns poucos pobos máis da Humanidade.

Fillii Gallaechiae, Fratesque Gallaechii Mundi

1 comment:

Anónimo said...

Joder! ya era hora, sigues vivo!!! y nacionalista! que te han hecho en los mandriles para que te me pongas asi, mi niño! besos de parte de silvia que estuve ayer con ella. yo te mando azotes en el culete.